Venres. 26.04.2024

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado polo alcalde de Ordes, José Luis Martínez, visitaron o CEIP Alfonso Daniel Rodríguez Castelao para anunciar a licitación de dúas actuacións unha nese centro e outra no CEIP Mesón do Vento. Ambos investimentos mobilizaran máis de 266.000 euros.

Trenor explicou que no CEIP Alfonso Daniel Rodríguez Castelao licitaranse varias actuacións por un importe de máis de 146.000 euros que permitirán instalar un ascensor, co fin dar solución á comunicación vertical no edificio principal. Ademais, a licitación contempla no edificio de educación infantil a execución dun illamento exterior continuo mediante un sistema tipo SATE en fachadas e cuberta, e a substitución de todas as carpinterías exteriores por carpintería de aluminio anodizado natural con rotura de ponte térmica e apertura oscilobatiente.

O delegado da Xunta, tamén anunciou unha segunda licitación por un importe de 119.000 euros para realizar melloras no CEIP Mesón do Vento. Concretamente, está contemplada a instalación doutro ascensor no edificio principal e o pintado e a execución de SATE en parte das fachadas do edificio do comedor.

Estas actuacións, segundo sinalou o representante autonómico, enmárcanse dentro do conxunto de obras, de maior ou menor envergadura, que o Goberno galego está a executar nos centros escolares dirixidas a garantir unhas instalacións axeitadas e dotadas con todos os medios necesarios para adaptarse ás directrices marcadas polo plan de Nova Arquitectura Pedagóxica que avanza cara unha arquitectura educativa ao servizo do labor docente, traendo tamén a un primeiro plano o confort do alumnado e persoal dos centros.

Durante a visita, o delegado da Xunta salientou o compromiso do Executivo autonómico coa supresión de barreiras arquitectónicas e coa accesibilidade de persoas con mobilidade reducida en todos os centros educativos.