Martes. 23.04.2024

A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, e a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros reuníronse, no centro de interpretación de Caaveiro, con varios colectivos da zona como empresas do sector turístico, entidades deportivas e con representantes do sector primario, no que supón a rolda de contactos que está a realizar a Xunta de Galicia con entidades vencelladas ao Parque Natural Fragas do Eume. O obxectivo é implicalas na elaboración do Plan reitor de uso e xestión (PRUX), que marcará o camiño a seguir para orientar o desenvolvemento económico e mediambiental deste espazo nos vindeiros anos.

Do Campo trasladou e explicou ás entidades e empresas os pasos dados ata agora pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para avanzar na redacción do Plan reitor, que busca, entre outras cousas, dinamizar e manter o aproveitamento do Parque Natural, desde un punto de vista socioeconómico e que fomente o uso turístico sostible e deportivo dos seus recursos.

"Hai que destacar o peso que ten para a economía local da comarca a actividade turística que se desenvolve neste espazo natural, un territorio que polas súas propias características resulta moi atractivo e ofrece aos visitantes un amplo abano de opcións de ocio e lecer", subliñou Do Campo que coincidiu con Aneiros en que o documento reitor que se aprobe finalmente debe poñer o foco na protección e conservación dos valores deste espazo natural.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda pechará nas vindeiras semanas a rolda de contactos cos principais axentes públicos e privados con intereses zona. Unhas reunións que se iniciaron no mes de outubro do ano pasado coa finalidade de redactar un Plan reitor e para o que tamén se visitou aos alcaldes dos cinco concellos do parque: Cabanas, A Capela, Monfero, Pontedeume e As Pontes

.