Sábado. 20.04.2024

A Xunta e o Concello de Frades investirán algo máis de 156.000 euros na execución das obras de humanización dos núcleos de Papucín e Fonte Santaia. Con este obxectivo, a intervención centrarase nas vías que conducen aos centros de ambas parroquias do municipio, onde se habilitarán sendas peonís, se introducirán canalizacións para a auga e o alumeado público, e se colocará unha estrutura para cubrir os contedores de lixo.

Este foi o compromiso que asumiron a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde, Roberto Rey, a través da sinatura dun convenio no que fixaron os termos da súa colaboración técnica e económica para levar a cabo esta obra. O ámbito de intervención, cunha superficie de 1.406 m2, correspóndese cos viarios existentes no lugar da Igrexa, na parroquia de Papucín, e coa zona comprendida entre Fonte Santaia, As Corredoiras e A Igrexa, na parroquia de Moar.

En canto aos traballos, cun prazo de execución de 6 meses, a actuación principal consistirá na creación de itinerarios para peóns cunha largura de 1,8 metros, aínda que no caso de Papucín (onde as dimensións da vía non o permiten) optarase por habilitar unha cuneta transitable. Así mesmo, en Fonte Santaia crearase unha zona de convivencia entre tráfico rodado e peonil empregando o mesmo pavimento que nos sendeiros: formigón en cor natural de 15 centímetros de espesor, armado con malla sobre saburra.

O acordo enmárcase nos obxectivos do plan Hurbe, un programa impulsado pola Xunta no ano 2010 para axudar ás entidades locais a executar proxectos urbanísticos destinados á creación, mellora e humanización de espazos e infraestruturas de uso público e colectivo mediante acordos nos que se regulan as bases da colaboración técnica e económica entre Administración local e autonómica.

No caso de Frades, o compromiso de financiamento das obras ascende a 156.567,17 euros, dos cales o 70% será achegado polo departamento galego e o 30% restante polo Goberno municipal. Ademais, a Consellería asumirá a contratación da execución e da dirección das obras, a xestión das mesmas ata que se completen os traballos conforme ao previsto, e a formalización dos actos de recepción. Pola súa banda, o Concello encargarase da redacción do proxecto no que se definan as actuacións a executar, e unha vez recepcionadas, da súa explotación, mantemento e conservación.