Xoves. 28.03.2024

O grupo de traballo do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) para a prevención de riscos laborais no sector foresta celebrou en Santiago de Compostela unha nova xuntanza para actualizar a abordaxe da sinistralidade no desempeño de traballos no monte.

Na reunión, presidida pola xerente do Issga, Adela Quinzá-Torroja, anunciouse a posta a dispor das empresas de ferramentas informativas sobre o uso seguro e con distancia de maquinaria nas explotacións como as colleitadoras, motoserras ou autocargadores. Tamén se avanzou na activación de campañas de promoción do uso seguro do tractor para evitar o seu volteo.

Nesta época en concreto, reforzaranse as mensaxes sobre o perigo que ocasiona a vespa velutina, á que o Issga dedicará unha campaña específica que levará carteis ad hoc ás empresas do sector.

Tal e como destacou Quinzá-Torroja, o sector forestal “ten importantes problemas derivados da súa sinistralidade e pouca consolidación da prevención de riscos laborais”. Multiplicidade de factores determinan o perigo das actividades desenvolvidas no monte, entre os que destacan as operacións que precisan de maquinaria, a falta da percepción do risco, a complexidade na planificación dos traballos no monte ou a convivencia de varias empresas traballando no mesmo espazo.

Na análise do Issga, os maiores índices de sinistralidade nesta actividade en Galicia nos últimos anos concentráronse nas operacións de tala e poda. O Plan de actividades do Instituto para 2021 marca como prioridade as actuacións dirixidas a atallar os accidentes nestes procesos.

En 2020, a sinistralidade laboral no sector silvícola e forestal diminuíu un 17,3% respecto de 2019 (607 accidentes), cun total de 500 sinistros rexistrados.

Para avanzar na consolidación dunha auténtica cultura da prevención no sector forestal, a Xunta creou xa en 2017 un grupo técnico de especialistas en seguridade e saúde laboral, maioritariamente formados en enxeñaría forestal e prevención. Integran esta rede persoal da Xunta e representantes da Federación Empresarial de Aserradores e Rematantes de Madera de Galicia (Fearmaga) e de firmas como Ence ou Finsa, referentes na transformación de madeira en España.

Trátase de implicar a toda a cadea produtiva para que a prevención de riscos laborais sexa considerada como obxectivo primordial nun sector en alza e estratéxico para Galicia.