Mércores. 24.04.2024

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado polo alcalde de Touro, Ignacio Codesido, visitou a depuradora do municipio, onde informou que a Xunta investirá máis de 38.000 euros para levar a cabo melloras no pretratamento desta planta.

Trenor destacou que esta axuda inclúese dentro da nova orde da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade para apoiar aos concellos máis pequenos, cunha poboación igual ou inferior a 5.000 habitantes, na execución de obras de abastecemento, saneamento e depuración, á que destina un investimento global que rolda os 4 millóns de euros en toda Galicia.

No caso dos concellos de Santiago e da súa contorna, o delegado da Xunta, informou que estas axudas beneficiarán a sete municipios: Boimorto, Frades, Santiso, Sobrado, Toques, Touro e Val Dubra que recibirán en total máis de 315.000 euros para garantir o funcionamento óptimo dos seus sistemas de abastecemento municipal ou para actuar na modernización e aumento da eficiencia e eficacia das instalacións de saneamento e depuración existentes, así como á construción de novas infraestruturas.

Con esta liña de subvencións, a Xunta trata de apoiar actuacións nos municipios cunha poboación igual ou inferior aos 5.000 habitantes para garantir o mellor funcionamento destes servizos de competencia local.

 

O límite máximo das axudas foi de 50.000 euros por solicitude, sendo compatibles ambas as liñas de actuación. Así, os concellos tiveron a opción de presentar dúas solicitudes, unha referida a actuacións en sistemas de abastecemento e outra para actuacións en sistemas de saneamento e depuración.

 

Os 4 millóns cos que estaba dotada esta orde de axudas distribuíronse en dous grupos: o 50% do importe a obras executadas en sistemas de abastecemento e o outro 50% restante a obras executadas en sistemas de saneamento e depuración.

 

Estes incentivos, compatibles con outras axudas, subvencionan os investimentos realizados desde o 1 de xaneiro deste ano e inclúen, tanto os investimentos realizados na execución das propias obras, como os gastos asociados a elas en materia de actividades preventivas e accións de coordinación empresarial, de control de calidade ou de dirección dos traballos.

 

Con esta iniciativa a Xunta segue a traballar cos concellos apoiándoos na adopción de medidas que garantan o mellor funcionamento dos servizos da auga, de competencia municipal, que redundan na calidade de vida dos veciños dos municipios máis pequenos de Galicia.

 

Esta actuación da Xunta conta coa financiación do eixo REACT-UE do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.