Mércores. 17.04.2024

A Xunta de Galicia vai acometer a substitución da cuberta e das carpinterías do colexio CPI Ponte Carreira de Frades cun investimento de máis de 380.000 euros que suporá adaptar esta infraestrutura ás novas esixencias construtivas establecidas no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica de Galicia, dotado con máis de 191 millóns de euros. A actuación ten un prazo de execución de tres meses.

O delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, desprazouse a Frades para visitar as instalacións do colexio, onde mantivo unha reunión co equipo directivo para informar da licitación da actuación que se vai levar a cabo e que ten como obxectivo principal a substitución da cuberta existente de tella de formigón e fibrocemento por unha solución de cuberta de panel sandwich con dobre chapa lacada e illamento intermedio. Ademais, renovaranse os canalóns existentes. Tamén se substiturán as carpinterías exteriores e persianas. Colocarase unha nova carpintería de aluminio anodizado con apertura oscilobatiente e con dobre acristalamento.

Segundo explicou o representante do Goberno autonómico, “esta importante actuación ten por obxectivo primordial mellorar o confort dos alumnos e profesores que cada día interactúan no centro e vai na liña das pautas marcadas no Plan da Nova Arquitectura Pedagóxica de Galicia do Goberno galego que neste momento se atopa en fase de diálogo con diversos colectivos para o seu enriquecemento”.

“Este plan supón avanzar nun novo concepto de centros educativos ao servizo dos novos retos educativos do futuro que pasan por atender non unicamente as necesidades académicas, senón tamén as sanitarias e as tecnolóxicas”, dixo Trenor.