Mércores. 24.04.2024

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, supervisou as obras de mellora de firme na AC-544, na que se están levando a cabo reparacións puntuais nos tramos máis deteriorados, nos concellos de Ames e de Brión. Concretamente, as reparacións estanse a realizar desde o punto quilométrico 2+350 ao PQ 3+400.

Esta actuación supón un investimento da Xunta de máis de 47.000 euros. Trenor apuntou que “a conservación das vías de titularidade autonómica e a mellora da seguridade viaria son dous eixes estratéxicos da política de estradas que está a desenvolver o Goberno galego, xa que iso significa falar da vida e da integridade das persoas e non hai nada que estea por enriba diso”.