Sábado. 20.04.2024

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, fixeron entrega en Ferrol de material de emerxencias para dotar dos medios necesarios ás Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil da área ferrolá co obxectivo de que poidan levar a cabo o seu traballo nas mellores condicións e prestar así maior eficiencia nas súas intervencións.

En concreto, entregaron cadansúa tenda de campaña de emerxencias ás agrupacións de Cedeira e Valdoviño habilitadas para despregar en caso dunha incidencia e ademais de fácil transporte, montaxe e desmontaxe.

Este material enmárcase na última convocatoria da orde de axudas da Xunta para reforzar o equipamento de 67 AVPC da comunidade, dotada con 1 millón de euros. Ao abeiro destas axudas, ademais das 26 tendas de campaña como as entregadas hoxe, inclúense 19 vehículos todoterreo tipo pick up, 6 remolques de emerxencias, 8 esparexedores de sal e 8 coitelas para a retirada de neve.