Apela á colaboración para conseguir nova carga de traballo para Navantia

A Xunta sinala que as F-110 son un proxecto vital para Ferrolterra

Visita do conselleiro Francisco Conde e outras autoridades a Navantia

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, sinalou en declaracións aos medios que as fragatas F-110, “son un proxecto estratéxico para a industria naval galega e española e un proxecto vital para Ferrolterra, sobre todo a partir do próximo ano, cando xa se involucre definitivamente á industria auxiliar”.

O vicepresidente económico apelou á colaboración institucional para seguir impulsado o estaleiro, e así, apuntou que a Xunta de Galicia seguirá estando co Goberno para sacar adiante proxectos que realmente se traduzan en carga de traballo para as gradas de Ferrol e Fene, destacando que Navantia é un dos motores esenciais para Ferrolterra e para Galicia.

Conde, que lembrou a proposta lanzada hai un ano pola Xunta para poñer en marcha un Pacto de Estado por Ferrol, apelou ao espírito de colaboración, sinalando o obxectivo común de axilizar o proceso de modernización cara ao estaleiro 4.0, non só co inicio canto antes do taller de sub-bloques, senón tamén cun compromiso formal e por escrito nos próximos Presupostos Xerais do Estado para sacar adiante o dique seco. Isto achegaría novas oportunidades á área de Reparacións e permitiría completar a carga de traballo que ofrecen as fragatas con novos proxectos.

O vicepresidente económico fixo fincapé tamén na necesidade de que o Perte do naval cumpra os seus obxectivos, e que, unha vez que o Goberno teña convocadas as diferentes liñas de axudas, Ferrol e Galicia ocupen o espazo que se merecen dentro do reparto dos fondos europeos. Isto permitiría afondar na diversificación de produtos e mercados, a dixitalización da cadea de valor, na sostibilidade ambiental e na mellora da formación e capacitación dos traballadores.

O Goberno galego mostrou o seu compromiso de seguir apoiando a Navantia e á industria auxiliar en materia de formación e innovación. Neste ámbito, por exemplo, Siemens e Navantia contan co apoio da Xunta para o Centro de Excelencia do Sector Naval (Cesena), situado nas instalacións do CIS Tecnoloxía e Deseño e que aspira a xerar 1.700 empregos e capacitar a 30.000 empregados a través de programas de formación.