Sábado. 20.04.2024

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, o alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, e o xefe territorial de Medio Rural, José Santos Maneiro, supervisaron o resultado das obras de construción dunha nova ponte levadas a cabo sobre o río Saramo en Quián (Boqueixón), que contaron cun apoio da Xunta de máis de 140.000 euros. Esta actuación incluíuse dentro do Plan de Infraestruturas Rurais 2020, unha das medidas da Administración galega para contribuír a asentar poboación nos concellos rurais “creando novos servizos e mellorando infraestruturas básicas como son as vías de comunicación”.

 A nova ponte construíuse con formigón armado cun ancho de muro de 40 centímetros. A actuación completouse coa colocación dun pretil metálico sobre a nova estrutura prolongada con barreira de seguridade, coa rexeneración paisaxística do entorno, coa revexetación dos noiros e coa reposición do treito de beirarrúa para adaptala á nova rasante para finalmente levar a cabo o repintando das marcas viarias.

 O delegado da Xunta puxo en valor este tipo de actuacións “que complementan outros programas e iniciativas da Consellería do Medio Rural, e incluso doutros departamentos autonómicos, orientados a seguir mellorando as infraestruturas, a conectividade e, en definitiva, a calidade de vida dos galegos que viven fóra dos núcleos urbanos e que, en moitos casos, se dedican ao sector primario”.