Xoves. 28.03.2024

A delegada da Xunta de Galicia en Ferrol, Martina Aneiros, mantivo unha reunión de traballo co alcalde de San Sadurniño, Secundino García, ao que lle avanzou que as obras da primeira fase de mellora da capacidade e da seguridade viaria da estrada AC-862, cuxo proxecto global abrangue o treito entre San Sadurniño e Ponte de Mera, estarán rematadas este verán.

 As obras retrasáronse uns meses sobre o previsto pola imposibilidade de traballar durante o inverno na estabilización do terreo para o firme polas condicións meteorolóxicas de humidade e temperatura.

 Trátase dunha intervención ambiciosa, coa que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade actúa en 18 quilómetros para mellorar as condicións de seguridade desta estrada autonómica, coa rectificación das curvas de radio máis reducido, ademais de habilitar un terceiro carril en case catro quilómetros nas ramplas ascendentes. Os traballos supoñen un investimento de case 7,2 millóns de euros, do que o 43,2% (2,3 M€) se corresponden cos traballos que se están a executar no municipio de San Sadurniño.

 A delegada territorial tamén lembrou que a intervención de mellora da AC-862 incluirá unha segunda fase que completará un investimento da Xunta de case 14 millóns de euros neste eixo viario Ferrol-Ortigueira. Neste caso, o proxecto suporá unha inversión autonómica de 6,8 millóns de euros para actuar en algo máis de 3 quilómetros e completar así o acondicionamento da estrada ata Ortigueira.

 Durante o encontro, o alcalde trasladoulle á delegada territorial algunhas das necesidades do municipio que Martina Aneiros se comprometeu a estudar, á vez que lle brindou a colaboración da Xunta.