Xoves. 25.04.2024

O pasado venres, a alcaldesa e presidenta do Padroado da Cultura de Narón, Marían Ferreiro, tomou parte na mesa redonda de programadores teatrais, no marco do programa da sétima edición do Festival Internacional do Monólogo Teatral Singular. O Café Teatro do Pazo da Cultura foi o escenario desta mesa redonda para programadores baixo o título: Circulación Internacional de Espectáculos Teatrais, e na que tomaron parte programadores profesionais nacionais e internacionais da Rede Eurolatinoamericana de Artes Escénicas (Redelae) e tamén compañías teatrais galegas. Todas elas presentaron os seus proxectos de cara á súa particiapación en festivais de países como Portugal, Colombia, Chile, Uruguai, Costa Rica e República Dominicana. 

Nesta mesa redonda, moderada polo galego Xosé Paulo Rodríguez, participaron Gustavo Zidan (Uruguai), Octavio Arbeláiz (Colombia) e Zaida Sánchez (Costa Rica).  

"Esta convocatoria é unha oportunidade para as compañías galegas, ás que queremos apoiar desde o Padroado da Cultura de Narón para que poidan amosar fóra o excelente traballo que realizan e o alto nivel do mesmo, e que que descoñecían algúns programadores internacionais, que recoñeceron estar gratamente sorprendidos", asegurou Ferreiro ao termino da mesa redonda e precisou que esta convocatoria se "concibe como unha primeira toma de contacto entre os programadores para que participen nesas xiras a nivel internacional".

Ao término da mesa, a programación do Festival Singular continuou pola tarde co monólogo da uruguaia Lucía Tentrini Música para fiambrería-Un policial verde. E o sábado e o domingo, os participantes do festival e a cidadanía desfrutaron das actuacións da compañía madrileña Entrecajas Producciones Teatrales co monólo de Blanca Portillo Silencio; e con A viaxe de Rosalía de Larraitz Urruzola no Café Teatro do Pazo.