Sábado. 20.04.2024

O pasado 1 de abril a Alianza Aresana acolleu a presentación da xunta local de Ares da Asociación Española contra o Cancro (AECC), consolidando a delegación da asociación na localidade de Ferrolterra. Na presentación, tanto o presidente provincial da AECC, Manuel Aguiar, como o alcalde Julio Iglesias, incidiron na importancia e o compromiso do voluntariado co impacto desta doenza en múltiples eidos: social, físico, psicolóxico ou emocional. 

O concello de Ares contará a partir de agora cunha agrupación de voluntariado que traballará pola divulgación, sensibilización e acompañamento das persoas e as familias que sofren esta doenza. En este sentido, os representantes do Concello na presentación, como a concelleira Alma Barrón, mostraron o seu "agradecemento a este grupo de veciños solidarios" que ademais de realizar tarefas de divulgación e sensibilización, recadarán fondos para a loita contra o cancro.

A xunta local de Ares da AECC estará presidida por María Riveiros que estará acompañada por un equipo de traballo constituído por María del Carmen Juan, Ángela Loureiro, María Elena Castor, Alberto Saavedra e María Nieves Allegue.