Venres. 29.03.2024

O novo espazo verde público situado na parte traseira do Pazo de Moscoso de Cedeira xa ten a súa laranxeira e que prantaron os alumnos de infantil do CEIP Nicolás do Río de Cedeira. O alcalde Pablo Diego Moreda lembrou que nesta zona do Pazo, que está a rematar as obras de rehabilitación, había antigamente máis laranxeiras, e que unha delas, con máis de cen anos pervive diante do Concello. "Quixemos manter a tradición das laranxeiras e que os máis pequenos desfruten da experiencia da súa prantación, e ao mesmo tempo poidan gardar un recordo, vendo como a árbore medra canda eles", sinalou o rexedor. 

A rehabilitación do Pazo de Moscoso e o investimento máis importante feito polo Concello neste mandato. A mesma foi adxudicada a finais do ano 2020 por un importe de máis de 450.000 euros e coa finalidade de que a edificación albergue diferentes servizos municipais como as ofcicinas da policía local ou os servizos sociais. A rehabilitación xa está prácticamente rematada, e o Concello iniciou a compra do mobiliario e equipamento que permita abrir canto antes as instalacións dun Pazo pertencente ao século XV e que se volve recuperar como parte do conxunto histórico das rúas do casco vello.

No proxecto inclúe a construción dun parque de uso público no anexo á edificación, e a laranxeira dos alumnos do Nicolás do Río ocupa un lugar central do mesmo. O Concello tamén está a falar cos veciños con vivendas colindantes ao xardín, co obxectivo de facer un gran mural na parede medianeira que pecha o recinto, así como a recuperación duha parte da antiga muralla cuxos restos están situados noutro lateral do novo parque de uso público.