Xoves. 28.03.2024

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou os traballos realizados na parcela da rúa Castro 22-24, propiedade do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) e na que se teñen achado recentemente restos urbanos cuxa orixe está a ser obxecto dunha investigación.

Durante a visita, Aneiros, que estivo acompañada polo xefe do servizo técnico do IGVS na Coruña, Valeriano Rosales, e polo arqueólogo que realizou o informe, Juan José Alonso Braña, interesouse polo resultado desta primeira análise que foi remitida ao Concello de Ferrol e será remitida á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

“Serán os técnicos de Patrimonio os que teñan a última palabra nas decisións a adoptar sobre a parcela e os restos que nela se atoparon”, explicou a delegada do Executivo autonómico.

Aneiros aproveitou a ocasión para agradecer o traballo realizado polo arqueólogo, pero puntualizou que non se trata dun informe vinculante. Tamén fixo un chamamento á cautela á hora de extraer conclusións. “Teremos que agardar pola resolución da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural que é quen ten as competencias na materia”

A delegada territorial puxo en valor o traballo realizado pola Xunta e que complementa á sondaxe arqueolóxica previa que se fixo no patio posterior do edificio, e destacou a aposta decidida do Goberno galego pola “conservación, valoración e recuperación do patrimonio urbano, arquitectónico e cultural” no barrio de Ferrol Vello a través da súa declaración como área Rexurbe.