Venres. 29.03.2024

O Concello de Ares recupera unha das actividades con maior tradición no municipio e que non se puido organizar pola pandemia da covid: o programa Vacacións en Paz. A sinatura do convenio entre o Concello e a organización sen ánimo de lucro Solidariedade Galega co Pobo Saharaui (Sogaps) é o pistoletazo de saída para a recuperación dun proxecto, con máis de 15 anos, e que facilita a acollida e a integración en Ares de nenos e nenas saharauis que na actualidade residen nos campamentos de refuxiados de Tindouf en Alxeria.

Victoria Montenegro, concelleira de Igualdade e Benestar, incidiu na aportación económica do Concello para que os nenos e nenas poidan pasar os dous meses do verán en Ares, evitando así o perigo que supoñen para á súa saúde as altas temperaturas dos campamentos de refuxiados que poden acadar ata os 50 grados centígrados.

O proxecto que organiza Sogaps busca a posta en marcha de iniciativas alternativas de ocio, formación e acollemento para os nenos e nenas do Sáhara, permitíndolle coñecer formas de vida alén do conflito bélico, ao que están acostumados todos os días, pero principalmente para mellorar o seu benestar xeral.

Desde a Concellería informan a todas aquelas familias ou persoas interesadas en o acollemento poden poñerse en contacto cos Servizos Sociais do municipio para xestionar ou coñecer máis información sobre a iniciativa.