Mércores. 24.04.2024

Os concellos da bisbarra de Ferrolterra organizaron ao longo da xornada do 8M diferentes actividades e actos para conmemorar e visibilizar o Día Internacional da Muller.  

"Un dos piares do noso goberno é o da igualdade", asegurou a concelleira de Mugardos, Ana Varela, durante o acendido das luces que tinguiron de morado a Casa do Concello para conmemorar o 8M e como símbolo de apoio á loita pola igualdade entre homes e mulleres. 

O Concello de Narón, pola súa banda, tivo o seu acto central co nomeamento de Muller do Ano de Narón de Maribel Mouriz Prieto, nacida en Ortigueira e que chegou a Narón con 14 anos e sempre tivo unha activa implicación na actividade social, cultural e lúdica do concello. Preside desde o ano 2009 a AVV Virxe de Fátima de Freixeiro, é vicepresidenta da Sociedade Cultural Areosa de Piñeiros; representante e organizadora da comparsa Os Parrandolos, voceira delegada para Ferrolterra da Federación Coral, representante das entidades culturais de Narón na Xunta do Padroado da Cultura; e unha das impulsoras da revitalización da tradicional Festa dos Maios coa chegada da primavera. Ademais, dentro do programa de actos polo 8M, a veciñanza poderá visitar a exposición Mulleres de Narón na Praza da Gándara, que posteriormente levarase a outros barrios e parroquias da cidade. 

Onte arrancou o programa de actividades organizadas pola Concellería de Igualdade de San Sadurniño para conmemorar o 8M e que, como anunciou a concelleira Ana Belén Breixo, rematarán o domingo 27 de marzo. Coa participación da veciñanza, persoal municipal e varias usuarias do Centro de Día, o Concello celebrou o Día Internacional da Muller lendo o texto da declaración institucional aprobada no pleno, e posteriormente procedeuse á inauguración da exposición Mulleres que da artista local Micaela Campanini, e que supoñe o pistoletazo de saída do programa que inclúe actividades nos centros educativos ou a proxección do filme Nación de Margarita Ledo, entre outras.

Pola súa banda, o Concello de Fene iniciou a xornada cunha homenaxe no Salón de Plenos ás traballadoras de SAF Mercedes López, Eva Vizoso e Marta Otero e ás traballadoras do Servizo de Limpeza Mercedes Casdelo e Josefina López. Todas elas recibiron do rexedor de Fene, Juventino Trigo, e da concelleira de Servizos Sociais, María Carmén Martínez, un pequeno agasallo e o recoñecemento municipal. Ademáis, o Concello fixo unha declaración institucional, aprobada por unanimidade no Pleno, que pon o acento, entre outras cuestións, na invisibilidade feminina en sectores coma os dos coidados ou a limpeza; e colocou a bandeira feminista na balconada do consistorio, entre outras actividades para celebrar o Día Internacional da Muller.

O Concello de Cedeira tambén tinguiu de morado a vila coa lectura do manifesto institucional, actuacións musicais de María e Giulia e do Grupo da Escola de Música Vila de Cedeira e coa inauguración da Biblioteca M. López Cortón.

O Concello de Cabanas tivo como acto central a presentación dos catro libros xa editados do proxecto Memoria dun Século, impulsados pola área de igualdade do Concello. Ademais de facer lectura da declaración institucional que se pode ler na web, entre outras actividades que vanse desenvolver ao longo do mes na vila de Ferrolterra.

Todos os concellos que forman parte da bisbarra celebraron o Día Internacional da Muller con diferentes actos e actividades: carreiras, exposicións, declaracións institucionais, manifestacións e iniciativas nos centros educativos, ademáis de presentar os seus programas de actividades que se desenvolverán ao longo do mes de marzo.