Mércores. 24.04.2024

A vila de Cedeira acollerá a súa primeira Ópera Studio este verán, un programa de perfeccionamento para cantantes líricos que xurdiu por iniciativa de Fran Pérez, Paula Breijo e Aida Lozano, profesionais da música vencellados a Cedeira que viron a oportunidade de impulsar este tipo de programa, pouco frecuente pero moi importante para os novos talentos da lírica que queran dar o salto ao mundo profesional. Grandes voces da ópera, como explicaron os organizadores durante a presentación, atoparon nunha Ópera Studio a primeira experiencia profesional e un trampolín para a súa carreira.

O programa, para o que xa está aberto o proceso de selección dos cantantes e dos músicos da orquestra, inclúe un curso que se impartirá do 25 de agosto ao 3 de setembro, e a produción da ópera Dido e Eneas, de Henry Purcel que se representará na vila ao remate do programa. Segundo Fran Pérez esta Ópera Studio consistirá na preparación e posta en escea desta obra barroca que foi elixida porque facilita a representación ao non precisar, entre personaxes e músicos, demasiados integrantes.

O proceso de selección de candidatos para os diferentes roles da ópera xa está aberto, e toda a información e o formulario de inscrición pódese atopar nesta web. Deberá formalizarse antes do 24 de xullo, enviando unha gravación en vídeo interpretando tres arias barrocas, unha delas obrigatoriamente en inglés. En total, seleccionaranse nove persoas para interpretar a Dido, Eneas e ao resto de personaxes, así como tres sopranos, tres altos, tres tenores e tres barítonos/baixos para o coro. Tamén se busca aos trece instrumentistas da orquestra (violíns, violas, violonchelos, tiorba, fagot, e clave), estes deberán enviar tamén unha gravación en vídeo para a selección.

O programa non terá custo para o alumnado seleccionado, máis aló das viaxes e a manutención. O Concello de Cedeira destinou 4.000 euros do seu orzamento para apoiar esta iniciativa, na que colabora achegando un aloxamento básico no polideportivo municipal para quen o precise, así como espazos para o desenvolvemento do curso; e contratou a estrea da ópera para o vindeiro 3 de setembro.