O Centro de Ocio Xuvenil de Cedeira volverá abrir as súas portas este venres 1 de abril, despois de permanecer pechado a causa da pandemia. E farao dándolle pulo ao seu uso con novas actividades e propostas, coa incorporación dunha técnica de tempo libre que se encargará de dinamizar o centro e sumando elementos novos como unha mesa de son para que os rapaces poidan producir a súa propia música.
O Centro de Ocio Xuvenil foi inaugurado polo Concello no ano 2019, despois de tramitar o paso do local a mans municipais. O espazo está situado nas antigas instalacións da estación de autobuses e conta cun billar, futbolín, xogos de mesa ou vídeoconsolas. Ademáis, establecéronse diferentes zonas co mobiliario adaptado para o xogo ou para sala de estar. A nova técnica encargarase de propoñer novas actividades e obradoiros que respondan aos intereses da mocidade, co obxectivo de dinamizar ao máximo o centro.
O horario de apertura será, polo de agora, de 17.00 a 20.00 horas de venres a domingo, explicou a concelleira de Xuventude, Carmela Prieto que tamén informou que o Concello ten previsto para o verán ampliar o horario e barallan a posibilidade de organizar algunha actividade ou proposta para o ocio nocturno dos rapaces da vila.