Venres. 26.04.2024

O concelleiro de Mocidade de Narón, Pablo Mauriz, visitou a Casa da Mocidade, na Gándara, onde case medio centenar de rapazas e rapaces participan nos obradoiros de piano, guitarra e batería, e fan uso dos locais de ensaio da Escola de Música Moderna. 

Na súa visita, o edil entregoulles unhas camisolas deseñadas polo Concello cun logo vencellado á Escola, e partillou co alumnado da mesma para coñecer de primeira man a impresión sobre os obradoiros dos seus participantes.

“Todas as rapazas e rapaces da Escola de Música Moderna de Narón terán a súa propia camiseta porque a idea é que ao longo deste ano poidan actuar nalgún evento municipal ou organizar algunha actuación propia en espazos públicos e que leven posta esa camiseta”, explicou o concelleiro aos 42 alumnos usuarios da escola. 

Aproveitando a súa visita, Mauriz informou tamén de que aínda había dúas vacantes para o obradoiro de batería e un local de ensaio para grupos musicais e que o prazo de matrícula está aberto ata que se cubran as prazas duns cursos que comenzaron a súa andaina no mes de outubro e rematan no mes de maio; e que están dirixidos á mocidade de 12 a 30 anos empadroada no Concello de Narón.