Venres. 19.04.2024

O Centro Municipal Torrente Ballester de Ferrol (Rúa Concepción Arenal) acolle desde hoxe e ata o vindeiro 10 de abril a exposición pictórica organizada polo Concello 791 días y una buena historia, la palabra vuelta plasticidad, da artista galega Marta Besada.

Unha mostra a través da cal a pontevedresa fai un relato da súa evolución e influencias desde que chegou á cidade de Ferrol ata que decidiu mostrar o froito do seu traballo, caracterizado polas historias que relata a través das súas pezas pictóricas. A propia Besada confesa ter un xeito "literario" de comprender a pintura, na busca de personaxes nos propios materiais que contan historias unha vez moldeados e misturados.

A exposición conta cun total de 30 obras que relatan historias xurdidas das súas vivencias na cidade departamental e sobre a súa traxectoria artística, aínda que non seguen unha liña cronolóxica. Os interesados en visitar á exposición de Besada poderán facelo no centro cultural de martes a sábado (11 a 14 horas e de 17 a 21 horas) e os domingos e festivos de 11 a 14 horas. Os luns o centro permanecerá pechado.

Marta Besada naceu en Pontevedra e é licenciada en Belas Artes pola Universidade de Vigo. O seu traballo ten fortes influenzas do Neoimpresionismo e do Expresionismo (Cezanne, Gauguin, Modigliani...), e é unha grande admiradora de Sophie Calle, cuxa influenza pódese ver impregnada nas súas obras que poderían definirse como relatos literarios pictóricos.