Xoves. 25.04.2024

Mañá venres 7 de outubro, ás 18:00 horas, arrinca a cuarta edición en Vedra do concurso A Fume de Carozo, integrado dentro do LAV.mov, e no que se premiará a mellor curtametraxe express gravada durante 48 horas ao longo da fin de semana, polos seis equipos que se presentaron ao certame, e que recibirán unha serie de premisas secretas, e obrigatorias para a rodaxe dos seus proxectos.

Así, os participantes, unha vez reciban as premisas secretas, terán 48 horas para escribir o guión, rodar e montar as súas curtametraxes, que non poden superar o cinco minutos de duración. As obras entregaranse o domingo 9 de outubro ás 18:00 horas. Ás 19:00 horas proxectaranse todas as curtas na Estación de Tren de Santa Cruz de Ribadulla, nunha sesión aberta ao público. O xurado, que evaluará durante a exhibición os traballos dos seis equipos, está formado pola directora, guionista e xornalista, Paula Cons; pola actriz Iría Sobrado e polo creador audiovisual Rafa El Puerro. Ademais da dotación económica, o equipo gañador recibirá unha escultura realizada polo estudio Modelarte, e entregarase un premio do público dotado cun lote de produtos locais de Vedra.

Antes da proxección das curtas o domingo, ás 18;00 horas será a quenda do TrouLAV, unha sesión festiva amenizada con música e o vermú de Nordesia. Ademais do certame, a programación complétase coa celebración o sábado 8 do obradoiro Paper cinético. Os xoguetes óptimo do cinema, dirixido a nenos e nenas de 6 a 12 anos, e impartido por Belén Veleiro no que construirán dun zoótropo, para experimentar a transformación da bidimensionalidade dunha folla de papel nun obxecto tridimensioanal en movemento.

O LAV.mov, organizado pola Asociación Senunpeso e conta co apoio do Concello e a Deputación, é un novo formato do encontro audiovisual que da continuidade ao Laboratorio Audiovisual de Vedra (LAV) que se desenvoleu durante dez anos, e polo que pasaron máis de 1.500 alumnos e alumnas de toda Galicia. 

Nas tres edicións anteriores do LAV.mov os gañadores das mellores curtas express foron Os Remedios de Sara Iglesias e Siro de Lucía Estévez no 2018; O Xeneral de Carlos Prado en 2019, e 42º 47' 38.9'' N - 8º 30' 15.8'' O de Miguel G. Abad no 2021.