Mércores. 24.04.2024

O salón de plenos da Casa do Concello acolleu unha nova xuntanza do Consello municipal de Educación no que un dos temas tratados foi a análise do estado das licitacións para a ampliación do colexio Agro do Muíño e a construción do novo CEIP do Milladoiro realizados pola Xunta de Galicia. Ademais, realizouse un repaso dos traballos de limpeza, mantemento e reparación realizados polo Concello de Ames durante o verán e o estado actual das instalacións educativas. Tamén se falou sobre o inicio do curso escolar 2022/2023, onde se fixo un repaso pola actualidade de cada centro escolar no inicio deste curso posterior á pandemia e da nova lei educativa. O concelleiro de Educación, David Santomil, presidiu o Consello municipal, xunto coa técnica de Educación, Rosa García, como secretaria.

Realizouse unha nova sesión do Consello municipal de Educación no que participaron os/as directores/as dos centros escolares públicos, representantes do profesorado, ANPAS e grupos políticos da Corporación municipal. O concelleiro de Educación, David Santomil, presidiu o Consello municipal, xunto coa técnica de Educación, Rosa García, como secretaria.

Un dos temas abordados foi o estado das licitacións para a ampliación do colexio Agro do Muíño e a construción do novo CEIP do Milladoiro realizados pola Xunta de Galicia. No caso da ampliación do Agro do Muíño na actualidade estase na fase de licitación da execución da obra, mentres que para o novo CEIP do Milladoiro estase redactando o proxecto que debe estar rematado durante este mes de outubro.

Tamén se tratou a actualización e renovación de vogais do Consello municipal de Educación, incorporándose as novas directivas das ANPAS que mudaron de representantes; e falouse sobre o inicio do curso escolar 2022/2023, onde se fixo un repaso pola actualidade de cada centro escolar no inicio deste curso posterior á pandemia e da nova lei educativa.

Por outra banda, realizouse un repaso dos traballos de limpeza, mantemento e reparación realizados polo Concello de Ames durante o verán e o estado actual das instalacións educativas; e falouse da necesaria coordinación dos horarios e espazos utilizados polo servizos complementarios de educación, polas ANPAS e polas escolas deportivas municipais.

Por último, debateuse sobre os horarios de saída do alumnado no servizo de comedor escolar e o traslado a actividades das ANPAS e escolas deportivas; e realizouse unha proposta de modificación dos regulamentos dos programas de conciliación Bos Días Cole, Comedores, Tardes Divertidas para axilizar procedementos de renovación e matrícula nos servizos a través da administración electrónica.

O concelleiro de Educación, David Santomil, indica que “logo de tres horas de xuntanza, fíxose un balance do traballo realizado polo Consello municipal de Educación dende o ano 2016, que mantivo unha xuntanza por curso escolar. Deste xeito foron un total de oito as xuntanzas do Consello municipal dende a aprobación do Regulamento no ano 2016 e, previsiblemente, este foi o último deste mandato.

Ademais, David Santomil destacou que “o Consello municipal de Educación, no que está representada toda a comunidade educativa de Ames, leva funcionando de forma ininterrompida dende o ano 2016 e supuxo un cambio no modelo de participación para lograr importantes acordos. Un dos principais é, sen dúbida, a solicitude conxunta de mellora de infraestruturas educativas e a construción dun novo CEIP no Milladoiro, así como a ampliación e mellora doutros centros educativos. Agardamos que en vindeiros mandatos siga a ser unha ferramenta útil ao servizo da comunidade educativa”.