Xoves. 18.04.2024

As concelleiras de Urbanismo de Ares, Olimpia Marcos, e de Turismo, Lucía Blanco, asistiron o pasado sábado á inauguración dun novo reloxo solar, nun acto que tivo lugar no claustro do Mosteiro de Santa Catalina de Montefaro e que foi organizado pola Asociación de Amigos do Mosteiro de Santa Catalina.

O reloxo solar foi creado polo arquitecto técnico, licenciado en Dereito e xubilado Lorenzo Capllonch, que explicou aos asistentes os detalles do funcionamento deste tipo de obxectos que indican a hora mediante a sombra que se xera a partir do gnomon. Capllonch definiu o gnomon como a peza en forma triangular do reloxo que axuda no estudo do movemento aparente grazas á sombra que se proxecta sobre a superficie, nas liñas horarias con números árabes. Tamén, desde a asociación contextualizaron o seu uso e aclararon que o reloxo solar tan só coincide co horario civil en catro ocasións: o 15 de abril, o 15 de xuño, o 1 de setembro e o 24 de decembro.