Venres. 29.03.2024

A cidadanía poderá volver desfrutar o vindeiro mes de xullo da Festa do Polbo de Mugardos, encadrada dentro das festa do Carme da localidade, e que celebrará a súa trinta edición despois de dous anos de suspensión (2020 e 2021) por mor da pandemia.

Así o anunciou a concelleira de Cultura da localidade, Begoña Roldós, que explicou que xa se reuniron todos os membros que integran o Goberno municipal para avanzar na fase de elaboración de propostas e do programa que terá que adaptarse á normativa sanitaria vixente no momento da celebración da festa, declarada pola Xunta de Galicia de Interese Turístico.

Roldós mostrou o compromiso do goberno local por adicar os esforzos necesarios “para que este ano por fín, poidamos celebrar a nosa querida Festa do Polbo”. Para iso, precisou a édil “estamos a traballar sobre distintas opcións co obxectivo de poder adaptar a celebración á situación sanitaria que poida existir no mes de xullo”.
O goberno de Mugardos estuda as opcións e posibilidades para poder ampliar o horario da festa, e para iso están establecendo un protocolo de venda anticipada para “poder facer un maior e mellor control dos aforos”, así como ampliar as actividades que se organizan desde o Concello. 

A edil de cultura indicou tamén que “é posible que non poidamos celebrar a festa como nas edicións anteriores, pero desde o goberno contemplamos esta circunstancia como unha oportunidade de mellorar e facer crecer a festa”.