Venres. 29.03.2024

O Concello de Oroso agarda recibir esta próxima fin de semana a milleiros de persoas na celebración do I Carboeiro Fest, o sábado desde as 11.00 horas na Área Recreativa do Carboeiro, e da quinta edición da Primavera no Camiño Inglés, organizada pola Asociación de Concellos do Camiño Inglés e que se celebrará o domingo na Alameda de Góis a partires das 10.45 horas.

I CARBOEIRO FESTA

A primeira edición do Carboeiro Fest está orientada ao público familiar e inclúe cinco actividades ao longo do día: ás 11.00 horas arrancará unha sesión de ioga en familia, que ten prazas limitadas e para a que é preciso inscribirse no teléfono 981 690 903; ás 13.00 horas o grupo musical Chungo Pastel ofrecerá un concerto con temas clásicos do pop-rock español; entre as 16.30 e as 19.00 horas a compañía Xogos Paporrubio coordinará diferentes xogos tradicionais; ás 18.00 horas a humorista Bea Sanvil ofrecerá un monólogo cómico; e ás 19.30 horas Disco Móbil “La Gramola” amenizará musicalmente o serán.

Ademais, o parque do Carboeiro acollerá xogos inchables para os/as cativos/as e unha polbeira para poder xantar de romaría.

V PRIMAVERA NO CAMIÑO CON TRES ESCENARIOS

No que corresponde á quinta edición da Primavera no Camiño Inglés terá lugar na Alameda de Góis contará con tres escenarios diferenciados que acollerán máis dunha vintena de actividades: o Espazo institucional e feira turística (Escenario Primavera), o Espazo lúdico Primavera e o Espazo gastronómico e mercado artesanal (Escenario Rede Stelar).

No primeiro deles, o “Escenario Primavera”, as actividades comezarán ás 10.45 con música nas rúas e no recinto feiral, cos pasarrúas e as actuacións dos grupos folclóricos “Lembranzas do Tambre” e “Buxos Verdes”, ambos de Oroso. Ás 11.30 horas actuará a Banda Xuvenil Airiños de Fene e ás 12.00 horas arrancará un espectáculo de maxia organizado polo Concello de Santiago de Compostela. A continuación, ás 12.30 horas está programada a inauguración institucional da Primavera no Camiño Inglés coa presenza das autoridades convidadas e coa entrega dunha distinción ao alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso Miramontes, polo seu labor para a posta en valor do Camiño Inglés. Xa pola tarde, ás 18.30 horas actuará o grupo folclórico de Oroso “Argalleiros” e a oferta musical pecharáa ás 20.00 horas o concerto da Banda de Música de Arzúa.

No Espazo lúdico Primavera desenvolveranse ao longo do día seis obradoiros: ás 11.30 horas coas fiandeiras do Concello de Cabanas; á mesma hora, os artesáns Antón Román e Susana González protagonizarán o obradoiro infantil de barro de Brañas de Valga (Mesía); ás 17.00 horas, tarde de chapas coordinada polo Concello de Culleredo e obradoiro infantil de pan (Neda). Tamén á mesma hora comezará o obradoiro de elaboración de barcos de papel organizado polo Concello de Ferrol e ao longo da tarde haberá varios pases da Serena de Pontedeume. Ademais, a ilustradora de murais Nana, de Ordes, elaborará un graffiti durante todo o día.

O “Escenario Rede Estelar” acollerá diferentes actividades desde as 11.30 ata as 20.00 horas: ás 11.30 horas, obradoiro de xabóns de arxila de Bañas de Valga (Mesía), coordinado pola artesán Claudia Moar; ás 12.30 horas, showcooking de dieta ártabra a cargo de Daniel López, do restaurante ferrolán “O Camiño Inglés”; ás 12.30 horas, degustación de troitas de Oroso con pan de Carral; ás 13.00 horas, cata comentada da Indicación Xeográfica Protexida de Betanzos con viños certificados na marca da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas; ás 13.30 horas, degustación de bolos mariñeiros do Concello de Miño; tamén ás 13.30, showcooking de marisco coordinado polo Concello de Pontedeume; ás 14.30 horas, concerto de música clásica. Ademais, ao longo de toda a mañá estará operativo un gastrobar con oferta de produtos de proximidade. Xa pola tarde, ás 16.30 horas, degustación de sobremesas a cargo do Concello de Oroso; ás 17.00 horas, presentación do II Concurso de Fotografía Dixital Camiño Inglés; ás 18.00 horas, concerto de Arnela (Carral); ás 19.00 horas, actuación das Cantareiras de Oroso; e tamén ás 19.00 horas, degustación de troitas de Oroso acompañadas con pan de Carral.