Venres. 19.04.2024

Baixo o lema Os domingos imos rir o Concello de Mugardos programou un Ciclo de Teatro Infantil dominical que desenvolverase entre o 8 e o 29 de maio nas parroquias do municipio e cuxas funcións levará a cabo Isaac Rodríguez, máis coñecido como o pallaso Peter Punk que representará diferentes espectáculos do seu amplo repertorio, según explicou a concelleira de Benestar, Ana Varela, durante a presentación da iniciativa. 

Así, o domingo 8 de maio será a estrea (19.00 horas) na Sociedade Cultural Recreativa San Xoán Piñeiro con O show do pallaso Piter que fará desfrutar ás familias coas súas bromas, maxia, xogos e animación dirixidos á cativada, máis tamén ás súas familias. O domingo 15 de maio, o humor e a diversión trasladarase ao Casino Progreso de Franza, coa representación Popín Palomero que involucrará a toda a familia. A Sociedade de Amigos da Paisaxe Galega, no Seixo, recibirá ao pallaso Peter Punk o domingo 22 co seu traballo Chungo ke te cagas onde combina o humor cos malabarismos. E para pechar o ciclo, Peter Punk achégase ata o Casino mugardes para ofrecer a función de peche deste ciclo con Peor Imposible, onde a ironía, os equilibrios e a interactividade co público son protagonistas para cun sorriso afrontar as inxustizas do mundo.

Peter Punk, Issac Rodríguez, conta no seu haber con máis de 900 funcións en Galicia e é unha referencia do mundo clown e dos pallasos da comunidade e que participa nos principais festivais nacionais e internacionais e gañou, entre outros, o Certame Intergaláctico do Mundo Clown en Vigo no 2008 e no Intergaláctico do Festiclown Rivas nos anos 2013 e 2014.