Sábado. 20.04.2024

Milleiros de persoas gozaron en boqueixon.gal da XXIX Festa da Filloa de Lestedo e do Alto dos Xenerais da Ulla, despois un ano ausentes por mor da pandemia sanitaria. Unha celebración que se celebrou con todas as medidas de seguridade, como ben destacou a conselleira do mar.xunta.gal Mar, Rosa Quintana, aplaudindo a “responsabilidade das persoas asistentes por manter as máscaras postas a pesar de non estar obrigados a facelo por estar nun lugar aberto”.

 Unha festa algo diferente á de edicións anteriores, sobre todo pola ausencia das tradicionais degustacións de filloas á pedra e con distintos recheos. Porén, unha gran máquina filloeira, con capacidade para elaborar ata 1.500 unidades cada hora, cubriu este ano as gañas de filloa de Lestedo que, a xulgar polas colas que se chegaron a xuntar durante algúns momentos do Alto do Xenerais eran moi elevadas. Tanto que a cola daba a volta á praza.

 Grupos musicais da Asociación Cultural Mestre Manuel Gacio puxeron a música á xornada, entre filloas, polbeiras, atraccións infantís, food-tracks e postos de lambonadas. Ademais, dende as 11:00 horas, o local social de Lestedo estaba aberto para amosar a exposición fotográfica “39 anos filloando”, organizada pola asociación de veciños de Lestedo, quen agradeceron a colaboración non só da veciñanza, senón tamén dos xornais La Voz de Galicia Santiago e El Correo Gallego pola cesión dalgunhas imaxes.

 ATRANQUES DOS XENERAIS DA ULLA

 A mostra fotográfica foi inaugurada polo alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, á fronte dunha extensa comitiva oficial composta pola conselleira do Mar, Rosa Quintana Carballo; o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña; a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o deputado autonómico Ovidio Rodeiro Tato; o deputado de Promoción Económica da Deputación e alcalde de Ames, Blas García Piñeiro; e Xosé Manuel Lobato, escritor e pregoeiro desta edición. Así mesmo, tamén estiveron presentes os alcaldes de Vedra e Touro, Carlos Martínez e Ignacio Codesido, así como concelleiros da contorna.

 Tras dar a benvida aos presentes, a presentadora María Mera deu paso ao Gran Alto dos Xenerais da Ulla, que este ano cambiaron a tarde pola mañá e que non fixeron desfile polas rúas de Lestedo como medidas preventivas contra a Covid-19. Catro atranques no campo da festa que abriron Aroa Estévez e Andrés Lareo, nun divertido atranque infantil. Despois botáronse tres atranques máis, con múltiples referencias á actualidade informativa, coa crise ucraína e o relevo de Pablo Casado como temas máis recorrentes. Os atranques protagonizáronos: Gonzalo Ferreiroa e Olaia Canabal; Xulián Vázquez e José Canabal; e Uxía Canabal e Esteban Estévez.