Xoves. 28.03.2024

O Concello de Mugardos participa por primeira vez como unha das sedes do Festival Internacional Atlántica de narración oral con dúas funcións, dirixidas ao público adulto, que terán lugar no Centro de Interpretación de Caldoval a vindeira semana, o 5 e 6 de xullo.

Nesta edición do festival, do 30 de xuño ao 9 de xullo, programáronse un total de 94 funcións en 24 concellos das catro provincias galegas. A cita internacional de narración oral celebra dez anos ininterrompidos de actividade malia a pandemia, e en todos os concellos as funcións desenvólvense ao aire libre e en espazos de gran valor natural e patrimonial, segundo explicou a directora do festival, Soledad Felloza, durante a presentación do programa en Mugardos, na que estivo acompañada pola concelleira de Cultura, Begoña Roldós.

Así, o Centro de Interpretación de Candoval será o escenario no que o 5 de xullo (21.30 horas), Carolina Pontragha, especialista na recopilación e actualización de historias populares, presentará Donas do Lugar, que fai un percorrido polas historias de pequenas revoltas levadas a cabo por varias mulleres, e que mudaron o camiño das donas das aldeas. Unha narración cargada de humor, máis non exenta de dureza, pero que non deixará ao público indiferente. Ao día seguinte, o 6 de xullo (21.30 horas) será a quenda da colombiana Carolina Rueda coa súa función Contos e sucedidos, construído en piares de historias que pecan todas elas de íntimas.

A directora do festival, Soledad Felloza, incidiu en que un dos seus principais obxectivos "é facer falar ao noso territorio, ao noso patrimonio material, nun diálogo co patrimonio inmaterial das historias", do que a concelleira Roldós precisou que "sen dúbida este obxectivo poderase acadar en Mugardos por ser un emprazamento privilexiado para promover este diálogo entre patrimonio material e inmaterial".