Sábado. 20.04.2024

O museo de arte ao aire libre do Concello de Cedeira suma unha nova peza na rúa María Mediadora cun mural do humorista gráfico Luís Davila, no que os seus personaxes de O Bichero promocionan o camiño a Santo André de Teixido coa súa clásica retranca.  A obra de Davila, que contou coa colaboración de María Acuña, ten unhas dimensións de 22 metros de longo e 2,9 de alto, e supuxo un gasto de 4.345 euros. 

O mural súmase á iniciativa do Concello de crear un museo ao aire libre sen teitos nen paredes. No exterior da biblioteca municipal pódese visitar o mural de Agustín González que é unha representación de Rosalía e algúns dos seus versos; a obra de Adrián Taracido exponse no exterior da estación de bombeo e nos peches da escola infantil A Galiña Azul e do CEIP Nicolás do Río. Os baixos da Ponte Nova foron debuxados por Leandro Lamas, mentres que Laura Recio pintou o seu mural sobre o Samaín na rúa da Cruz. Ademais, o Concello promoveu un mural participativo sobre a igualdade e que fixeron os alumnos do IES Punta Candieira, coa axuda do colectivo artístico Vella Escola, nun muro preto do centro.

Dentro da iniciativa, o Concello convocou o ano pasado un concurso público para facilitar que comunidades de veciños, particulares e asociacións teñan unha axuda económica para pintar e decorar o exterior dos seus inmobles e entrar a formar parte deste museo ao aire libre ao tempo que se mellora a imaxe da vila. 

O alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda, destacou o feito de que a obra de Davila e Acuña "sirva para promocionar Santo André de Teixido ao tempo que arrinca un sorriso a todas as persoas que se acheguen a contemplala". O rexedor destacou tamén que a iniciativa do museo ao aire libre "se está a converter nun esforzo colectivo, que xa non implica so ao Concello senón tamén a toda a veciñanaza".