Sábado. 20.04.2024

Fomentar a motricidade e a expresión corporal dos cativos, de 0 a 6 anos, a través dos oficios tradicionais galegos é o obxectivo do proxecto de aprendizaxe-servizo Oficios en miúdo, que acaba de poñer en marcha o alumnado do Grao de Mestre en Educación Infantil da USC. Os estudantes, para o desenvolvemento do programa, crearon o personaxe de Carmela a Labrega que permitirá á cativada coñecer polo miúdo os oficios tradicionais ao tempo que mellora a súa motricidade empregando o baile, a música, a mímica e a dramatización.

O proxecto desenvólvese a través dun blog, posto en marcha o pasado 20 de abril, e no que o alumnado da USC publicará contidos con diferentes actividades pensadas para os máis cativos tomando como fío condutor os oficios tradicionais, personificados en Carmela a Labrega, para a través da música, a mímica ou a dramatización potenciar a súa motricidade e expresión corporal. Co obexectivo de ter a maior difusión posible, os contidos tamén se distribuirán a través das contas das principais redes sociais do proxecto en Instagram, Facebook, Twitter, TikTok ou na lista de reprodución de Spotify.

O profesor Javier Rico, cordinador do proxecto, explicou que se optou polos oficios tradicionais galegos, despois dunha choiva de ideas, porque "consideramos que era unha moi boa opción para poñelos en valor e evitar o seu esquecemento, e por ser un bo fío condutor para o desenvolvemento da motricidade e da expresión corporal dos cativos". Finalmente o equipo estableceu as categorías nas que encadraron os diferentes oficios: zapateiros, zoqueiros, canteiros, alfareiros e oleiros; muiñeiros; oficios vinculados á grastronomía (leiteiro, gandeiro, labrego, peixeiro e viniticultor); e ao mar (mariñeiros, percebeiros ou redeiras, entre outros).

O desenvolvemento do proxecto mediante a metodoloxía de aprendizaxe-servizo permite "traballar, aprender e desenvolver as competencias da profesión docente ao mesmo tempo que prestamos un servizo á comunidade", precisou Rico que tamén aclarou que a iniciativa conta coa colaboración da Asociación Cultural Recreativa Os Tilos e a Rede de Centros Socioculturais de Santiago para o desenvolvemento de actividades cos nenos e nenas aos que vai dirixido o programa. Ao remate de cada actividade, os cativos participantes deberán facer un debuxo sobre os oficios cos que traballaron.