Xoves. 25.04.2024

O Concello de Oroso inaugurou na noite de onte unha nova edición do certame internacional GóisOrosoArte, nesta ocasión co título ’25 países contra a pandemia’.

O acto serviu ademais para facer un recoñecemento ao ex alcalde de Oroso, Manuel Mirás, e a Lurdes de Oliveira, que deixa tamén este mes a presidencia da Cámara de Góis. Ambos tiveron un papel protagonista desde hai anos nas diferentes iniciativas vinculadas ao irmandamento entre ambos concellos.

O alcalde de Oroso, Luis Rey Villaverde, manifestou na súa intervención que “GóisOrosoArte representa para o noso concello cada ano a apertura dunha fiestra, a da expresión artística, deixando aos creadores que pasen para ensinarlle aos veciños a súa visión da realidade”.

Góis e Oroso conseguimos consolidar un certame artístico que é un dos motivos polos que nos atopamos cada ano e as obras seleccionadas configuran un itinerario cultural que fortalece a unión entre os dous concellos, tamén entre os dous países”, apuntou.

Quero agradecer por suposto o traballo dos e das creadoras de 25 países que enviaron as súas obras”, engadiu Rey, que lembrou que “entre as moitas cousas positivas que fixo Manolo Mirás como alcalde de Oroso está sen lugar a dúbidas a sinatura, no 2007, do irmandamento entre Oroso e Góis, e a posta en marcha de iniciativas conxuntas como este certame artístico GoisOroso Arte”.

E que dicir da presidenta da Cámara de Góis; o Concello de Oroso tivo en Lurdes de Oliveira unha persoa na que confiar, unha presidenta da Cámara que comprendeu tamén a importancia do noso irmandamento polos valores que pode transmitir. Grazas por esta viaxe, Lurdes, grazas pola túa axuda, que sepas que o Concello de Oroso sempre será a túa casa”, rematou o alcalde.

Pola súa parte, a concelleira de Cultura, Vanesa Boo, destacou “a importancia de manter vivo o certame a pesares da pandemia”, agradecendo “o número e a calidade das obras presentadas”.

A presidenta da Cámara de Góis, Lurdes de Oliveira, fixo fincapé “na riqueza do diálogo e o intercambio de experiencias entre pobos amigos”, mentres que Manuel Mirás agradeceu o recoñecemento e mostrouse orgulloso “da aposta pola cultura do Concello de Oroso desde hai décadas”.

Por último, Xurxo Couto, deputado de Cultura da Deputación da Coruña, puxo en valor “os 25 anos dun certame cada vez máis coñecido e recoñecido”. As obras que forman parte da exposición estarán expostas durante as próximas semanas no Centro Cultural de Oroso.