Venres. 29.03.2024

Jorge Luciano Montoya e David Urreta, responsables do departamento de Integración Rexional da provincia de Córdoba (Arxentina), visitaron o Concello de O Pino para coñecer máis de preto as medidas de desenvolvemento, organización e promoción do Camiño de Santiago. O alcalde, Manuel Taboada, recibiunos na casa consistorial, e puxo de manifesto a importancia do Camiño como “a maior industria cultural e de impacto social tanto deste coma doutros concellos”. O director da S. A. de Xestión do Xacobeo, Ildefonso de la Campa, acompañou á delegación na súa visita.

Montoya e Urreta, impulsores dun proxecto de peregrinación ao santuario cura Brochero en Córdoba, amosaron particular interese na xestión do Camiño no municipio, que conta co tramo máis longo da peregrinación en Galicia. Ao longo desta visita institucional, o alcalde explicou que esta Ruta “é unha rede moi delicada. Moitas poboacións pequenas se benefician do Camiño e debe ser prioritario traballar para potencialo. Neste eido formamos parte da Mancomunidade galega do Camiño Francés, que nos axuda a ter unha vía de comunicación sempre aberta cos nosos veciños”. Para Taboada é clave a coordinación entre concellos para manter o mecanismo en perfecto funcionamento.