Xoves. 25.04.2024

A igrexa de Santa Mariña do Monte acolleu a segunda Algueirada de Inverno, inciativa do Concello de San Sadurniño que da nome ao programa de descentralización de actividades da Concellería de Cultura. Durante a xornada, a segunda de catro programadas ata o mes de abril, o Grupo de Cantos de Taberna ofreceu, durante algo máis dunha hora, un repaso do seu repertorio e algunhas das pezas que preparou nos últimos meses. Trala actuación procedeuse ao sorteo dunha cesta de produtos de proximidade e dun vale para gastar nun establecemento local. Ao remate da actuación, á que asistiron unhas 60 persoas (aforo máximo), a xuntanza trasladouse ao local social da Golpilleira onde os participantes desfrutaron dunha merenda a base de chocolate quente e outras larpeiradas do entroido.

A terceira Algueirada de Inverno terá lugar no local social de Bardaos, o sabado 12 de marzo cunha exhibición de malabares para os máis cativos de Circus Magníficus, a actuación da Escola Municipal de Gaita cun obradoiro de baile tradicional e unha merenda con chocolate, biscoito e freixós. A concellería premiará en Bardaos ao freixó máis grande do concello, e todos os que queiran tomar parte neste certame deberán anotarse, antes do venres 11 de marzo no teléfono 616 332 919.

O local social da Seara, en Ferreira, pecha o programa de Algueiradas de Inverno o sábado 2 de abril co espectáculo infantil De Rechupete e a actuación do grupo de folk Encrucillada. A proposta de concurso para a veciñanza, é nesta ocasión a creación dun ramo de flores para dar a benvida á primavera.