Venres. 19.04.2024

A programación cultural do mes de setembro en Arzúa comenza este venres, 2 de setembro, coa terceira edición do Serán Cativo, encadrado no programa de actos que a concellería de Cultura, que dirixe a edil Aurora Varela, organizaron para este verán.

 

Esta iniciativa volve despois da boa acollida que tivo nas súas dúas primeiras edicións. Trátase da celebración dun evento con obradoiros e actuacións de teatro e música tradicional para público infantil e familiar que se desenvolverán durante toda a xornada.

Pola mañá, ás 12:00h do mediodía, terá lugar na Capela da Madanela unha función de teatro a cargo da compañía Caramuxo e o espectáculo Na Casa, unha proposta para público infantil ata os 6 anos con música en directo. Trata sobre unha casa de aldea que antes non tiña veciños, pero pouco a pouco foron chegando Hortensia, a florista; Telmo, o veciño equilibrista; Arabela, que é cantante de ópera; O señor Antón, que é un vello mariñeiro e Rita, a gata que ven de visita á hora da merenda. Este espectáculo está recomendado pola Red Nacional de Teatros.

Pola tarde haberá un obradoiro de xogos tradicionais a partir das 17:00h e ás 20:00h representarase o espectáculo Canta miña pedra, canta con Xoán Curiel e Charo Pita. O músico e compositor Xoán Curiel crea cancións onde se recollen aspectos da vida e obra de Antón Fraguas e outras feitas a partir das cantigas populares recollidas por Fraguas e narradas polo pobo ao longo dos séculos mentras que a actriz e narradora Charo Pita contará contos populares do noso patrimonio inmaterial.

As actividades da tarde realizaranse na Praza de Galiza ou, en caso de mal tempo, no Multiusos Terra do Queixo e serán de acceso libre.