A 'Tentación de Burgos' do Tarrafa e o 'Lauburu' do Bar-Tapas Callejón, segundo e terceiro respectivamente

A 'Tosta de Polbo' da Casa Nova obtén o primeiro premio do DesgustAres 2022

Os tres gañadores desta primeira edición de DegustAres

A Tosta de Polbo elaborada pola Casa Nova foi o petisco gañador da edición 2022 do concurso DegustAres promovido pola Concellaría de Comercio do Concello de Ares para fomentar e incentivar o consumo de proximidade e dinamizar o tecido hostaleiro e comercial da vila. O 23 de maio desenvolveuse o reconto das votacións feitas pola veciñanza decidiron que a tapa da Casa Nova foi a máis deliciosa ao levarse 812 puntos e o seu correspondente premio de 500 euros.

A Tentación de Burgos con sorpresa agridulce do Tarrafa conseguiu o segundo premio con un total de 702 puntos (400 euros), e o Lauburu do Bar-Tapas Callejón foi terceiro sumando 677 puntos e levándose 300 euros de premio. A concelleira Alma Barrón, en representación da edil de comercio, Lucía Blanco, que non puido asistir, entregou os premios e as certificacións dos postos aos locais vencedores.

Ademais, DegustAres, co obxectivo de incentivar o consumo local, realizou un sorteo entre todos os veciños que depositaron os seus votos para elixir o mellor petisco, de cinco vales de 100 euros cada un, e que como o resto de premios deberán investirse nos comercios aresanos inscritos no seu momento na campaña de consumo MercAres.

Lucía Blanco destacou a implicación veciñal nesta primeira edición do concurso de tapas, pero tamén dos dez locais que se sumaron ao DegustAres, que permite ollar o futuro desta cita con optimismo: "Valoramos traballar nunha segunda edición mellorando todo o proceso do concurso e implementaremos cambios en función dos comentarios recibidos, tanto polo locais como pola veciñanza".