Mércores. 24.04.2024

O Concello de Cabanas volveu participar na Feira de Turismo Turexpo por segundo ano consecutivo, en el recinto feiral de Silleda, para mostrar a ampla oferta turística do municipio. Fíxoo no stand da Deputación da Coruña, onde o tenente de alcalde e responsable de Turismo Iago Valera, acompañado pola técnica do concello María Taibo, tiveron ao longo de dúas xornadas encontros con diferentes turoperadores de países como España, San Marino, Italia, Francia, Portugal e Irlanda, e que mostraron o seu grande interese pola oferta turística de Cabanas, para a formulación de propostas dirixidas a un público que busca experiencias desestacionalizadas no entorno natural e sen horarios (Turismo slow), e que cada ano medra a súa demanda.

As Fragas do Eume, a gastronomía e a tranquilidade da zona, así como as posibilidades que xerará o Centro de Interpretación do Medio Mariño que comezará a funcionar a medidados deste mes, foron parte da ampla oferta turística do Concello e que despertaron máis interese entre os operadores turísticos.

Iago Varela valorou "o traballo destes últimos tres anos, co obxectivo de desestacionalizar e ampliar a oferta turística e que xa está a dar os seus froitos, espertando grande interese por coñecer o noso territorio e por poñer en marcha novos negocios vencellados ao sector". Ademáis, o responsable de cultura do Concello explicou que "os nosos contactos e reunións centráronse nos turoperadores que ofertan modelos de turismo activo, concienciado co medio ambiente ou que promoven o turismo slow, o que nos permite diversificar a nosa oferta", xa que Cabanas é ideal para este tipo de turismo.