Xoves. 25.04.2024

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, María Aneiros, xunto á comisaria do Xacobeo, Cecilia Pereira, inauguraron o pasado 29 de xuño a exposición itinerante O debuxo é o camiño. O Camiño Inglés, que recolle a través de 25 ilustracións realizadas polas artistas Maru Godás e Róisín Curé durante a súa peregrinación por este itinerario o ano pasado. A sede de Afundación acolle a mostra que pode visitarse ata o vindeiro 28 de xullo, e na que se poden ver  ilustracións de lugares emblemáticos da comarca como a ponte das Pías coas grúas, a fachada marítima de Pontedeume ou o muíño das Aceas, entre outras estampas.  

As ilustracións están montadas en tela e móstranse en 22 caixas de luz a dobre cara o que permite resaltar a súa calidade. A exposición a completa unha gravación feita polas autoras na que se pode visionar e escoitar como as dúas artistas vivían e debuxaban durante a súa peregrinaxe polo Camiño Inglés.

Un Camiño Inglés, segundo expliou a delegada do Goberno galego, María Aneiros, "no que vai de mes de xuño 52.110 peregrinos lograron a compostela tras recorrer esta ruta, un 71,5% máis que durante o mesmo período do ano pasado, cando se selaron 14.825", e engadiu "isto fala do crecemento exponencial que está a vivir este itinerario e que o leva a pugnar polo terceiro posto entre as rutas xacobeas máis transitadas xunto ao Camiño Portugués da Costa".

Aneiros puxo en valor esta mostra que chega a Ferrol despois de pasar por Santiago e A Coruña, que se organiza no marco do Xacobeo 21-22 e intégrase dentro da iniciativa Cadernos de Viaxe que se levou a cabo no 2021, co obxectivo de achegar a diferentes artistas de diferentes estilos aos Camiños de Santiago.