sábado 28/05/22
Arrincou así o programa 'Ares e Valdoviño no Mar' que pon en valor o remo, o surf e a importancia da cultura mariñeira

Alumnos do CPI Atios de Valdoviño exploran o patrimonio deportivo e mariñeiro do litoral de Ares

Os alumnos do CPI Atios de Valdoviño visitaron o Club de Remo de Ares
Os alumnos do CPI Atios de Valdoviño visitaron o Club de Remo de Ares

A pasada semana arrincou o programa Ares e Valdoviño no Mar coa primeira das visitas organizadas, e que nesta ocasión correspondeu aos alumnos de 5º e 6º de Primaria do CPI Atios de Valdoviño que explorou o patrimonio litoral de Ares cun percorrido que se iniciou na casa consistorial e rematou coa visita ao Club de Remo de Ares

O programa, organizado conxuntamente polos concellos de Ares e Valdoviño, busca dar a coñecer o patrimonio entre os alumnos dos centros educativos da zona e poñer en valor o remo, o surf e a importancia da cultura e identidades mariñeiras a través da exploración de lugares emblemáticos do entorno de ambos municipios.

As concelleiras Noelia Montero, Lucía Blanco e Olimpia Marcos recibiron aos alumnos na casa consistorial onde coñeceron de primeira man o funcionamento do Concello, do Salón de Plenos e dos diferentes espazos que o integran.

Os alumnos do CPI Atios acudiron despois ao Club de Remo de Ares, no que puideron contrastar o impacto do remo e do surf nas identidades dos dous concellos. Ademais, José Montero Peli, do Club de Remo, guiou ao grupo pola historia do remo e de como agromou a competición a partir do traballo da pesca en barco, e sobre o papel destacado do remo na comunidade aresá. Esta primeira visita do programa fixo fincapé nos vencellos culturais de Ares co mar, e onde tamén se afondou nas importantes tarefas das redeiras no porto e nas formas de operar que teñén os armadores.

No mes de maio será a quenda dos alumnos de ESO do CPI As Mirandas e que se aproximarán ao surf, ás peculiaridades marítimas de Valdoviño, e ao seu importante patrimonio litoral marino. O mar como a conexión entre as dúas realidades. 

comentarios
Entrando na páxina solicitada Saltar publicidade