Martes. 19.03.2024

O Campus de Verán da Fundación Celta de Vigo volve a Ares, un dos concellos nos que, esta cita deportiva para nenos e nenas de 4 a 16 anos, ten máis tradición xa que ata a pandemia se viña celebrando desde o ano 2011. A casa consistorial acolleu a presentación desta nova edición dun campus que, ademais de favorecer a conciliación dos pais, permite á rapazada mellorar as súas habilidades futbolísticas empregando as metodoloxías lúdico-educativas de adestramento da canteira do Celta, pero tamén traballando valores como o compañerismo ou a superación.

O campo de fútbol de Prados Vellos acollerá do 18 ao 22 de xullo un campus que organiza o Concello de Ares e a Fundación Celta de Vigo, a Federación Galega de Fútbol e o ADR Numancia de Ares. A cita deportiva desenvolverase en horario de mañá de 9.45 a 13.45 horas e a inscripción terá un custo de 137 euros e inlúe equipación completa de adestramento. Todos os particiapantes que estean federados no ADR Numancia e os aboados ao Celta ou á súa Fundación terán un prezo reducido de 124 euros. A inscripción pódese facer telemáticamente premendo nesta ligazón, onde ademais se pode atopar toda a información sobre o campus.

"Hai que destacar a importancia do Campus como unha iniciativa que axudará moito á conciliación familiar, mais tamén aos nenos que aprenderán moito máis aló do fútbol, aprenderán valores, a traballar en equipo, a puntualidade, a amizade...", indicou durante a presentación Germán Arteta, director da Fundación Celta de Vigo. O rexedor de Ares, Julio Iglesias, valorou moi positivamente "a recuperación da normalidade cunha actividade con moita demanda e aceptación no concello e que pon ao Numancia ao carón do Celta axudando á difusión do noso equipo local".