Xoves. 25.04.2024

O Concello de Oroso dá un paso máis na súa estratexia de mobilidade sostible coa posta en marcha do primeiro tramo de carril-bici no municipio.

O concello aprobou de forma definitiva as obras e proxectos incluídos no Plan Único 2021 da Deputación da Coruña. Entre as actuacións previstas, está a posta en marcha do primeiro tramo do carril-bici e a ampliación das beirarrúas na avenida de Compostela.

Este primeiro tramo de carril-bici partirá da glorieta da Foca e chegará ata o río Carboeiro, para prolongarse nunha segunda fase pola rúa Ulloa ata conectar coa antiga estación de Oroso e a nova Vía Verde, que unirá Santiago con Cerceda.

O concello cumpre ademais desta forma co Plan de Acción para o Clima e a Enerxía (PACES). Oroso foi o primeiro municipio da comarca en ter listo o documento e o plan implica reducir nun 40% as emisións de efecto invernadeiro no 2030, aumentando o uso das enerxías renovables, impulsando os transportes limpos e baixando o consumo enerxético.

“Oroso ten un alto potencial natural e paisaxístico que temos que coidar entre todos, o respecto ao medio ambiente e a loita contra o cambio climático sempre foron prioridades da nosa acción de goberno”, afirma o alcalde, Manuel Mirás Franqueira, que lembra que “1.500 persoas fan deporte de forma federada ou regulada no municipio, polo que o carril-bici era un proxecto pendente e estamos moi satisfeitos de levalo adiante”.

“A sostenibilidade debe ser un obxectivo común, temos que recuperar espazos para os peóns e para os transportes limpos como a bicicleta, para o noso grupo de goberno é fundamental”, engade Mirás.

Neste pleno, aprobáronse diferentes obras e proxectos que suporán un investimento de case 1,1 millons de euros para mellorar a vida dos veciños e veciñas de Oroso.

Ademais, o Plan Único inclúe por primeira vez este ano un fondo social, que permitirá no caso de Oroso destinar 142.710,20 euros a axudas ás familias e colectivos en risco de exclusión, medidas de conciliación, adquisición EPI ou tarefas de desinfección nos centros educativos.