O Concello do Pino vén de facer público o calendario, os horarios e a normativa para os usuarios do ximnasio municipal de Lameiro, que abriu as súas portas o pasado luns 3 de outubro. As instalacións poderán ser usadas de forma exclusiva por calqueira persoa maior de 16 anos e que estea empadroada no concello, sendo obrigatorio o uso de toalla e a hixienización das máquinas unha vez empregadas. Non se poderá comer, máis si beber, nas instalacións deportivas.
O ximnasio terá un horario de 10.30 a 13.30 horas polas mañás, e de 18.30 a 22.30 horas polas tardes de luns a venres, mentres que os sábados poderase acceder ás instalacións de 10.00 a 14.00 horas e os domingos, festivos e periodos vacacionais, e os días 24 e 31 de decembro, permanecerán pechadas.
O aforo máximo do ximnasio é de 15 usuarios que poderán facer uso diario del durante dúas horas por sesión, cun tempo máximo de utilización de cada máquina de media hora, que pode ser ampliable se non hai persoas agardando para o seu uso.
Para poder facer uso das instalacións deportivas do ximnasio é imprescindible facer unha reserva previa que se ha de realizar cunha antelación mínima de 24 horas, enviando un correo ao enderezo electrónico [email protected] ou ben chamando ao número de teléfono 981 511 002.
Tamén entre a normativa, o Concello recomenda a todos os usarios das instalacións hidratarse antes, durante e despois da práctica deportiva.
Os usuarios ademais deberán facer un uso responsable das instalacións e as máquinas, empregar calzado axeitado, limpar os aparellos unha vez utilizados e seguir as indicacións e recomendacións dos monitores.