Sábado. 20.04.2024

O Concello de San Sadurniño vén de renovar o seu convenio de patrocinio co Club Deportivo Aldebarán, que milita na máxima categoría do voleibol nacional (Superliga masculina), coa finalidade de seguir promocionando esta especialidad deportiva no municipio a través das escolas, equipos de base e outras actividades para o fomento do volei.

En virtude da sinatura de renovación do mesmo, o clube percibe, igual que nas dúas tempadas anteriores, 30.000€ para a promoción da aprendizaxe e da práctica do volei no municipio, a través do mantemento das escolas municipais e do financiamento dos equipos das categorías de base: alevín, cadete, xuvenil e sénior feminino e alevín, infantil, cadete, júnior e sénior masculino.

Ademais, o club de voleibol, co fin de manter as escolas municipais e seguir formando xogadores nas diferentes categorías, recibirá apoio loxístico para as diferentes actividades e terá acceso preferente ás instalacións do pavillón municipal. 

O equipo de Superliga tivo unha xornada de descanso antes de que se retome a competición neste mes de marzo, pola disputa da Copa do Rei. 

Por outra banda, os rapaces do equipo da categoría alevín do Aldebarán disputaron o mes pasado a proba de Narón do Campionato Galego da súa categoría, no que os máis cativos desfrutaron por todo o alto da xornada de competición.