Xoves. 28.03.2024

A alcaldesa do Concello de Narón, Marián Ferreiro, acompañada polo edil de Obras, Pablo Mauriz, visitaron xunto aos técnicos as obras da primeira fase da senda peonil e ciclista que enlazará os paseos de Xuvia e Freixeiro, e que segundo anunciaron rematarán a finais do verán.

Esta actuación supón un investimento de 580.000 euros que permitirá ademais a recuperación de chan urbán para usos públicos que respecten o medio ambiente e desfrute da Ría de Ferrol, e que está cofinanciada nun 80 por cento polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) enmarcado na Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (EDUSI) Ría de Ferrol Cidade 2020, ademais de contar coa colaboración da Deputación da Coruña.

Nesta primeira fase os traballos se están a realizar entre a avenida Conde de Fenosa (Camiño da Veiga) e o muíño das Aceas. Habilitarase un tramo duns 22.000 metros cadrados paralelo ao cauce do río Freixeiro no que se preparará unha área estancial e recreativa duns 15.000 metros cadrados con mesas, bancos... "A adquisición destes terreos permitirá ao Concello recuperar un tramo natural integrado no núcleo urbán da cidade co fin de poñelo en valor e crear un pulmón verde", indicou a rexedora Marían Ferreiro que explicou que o proxecto finalizará cunha segunda fase que permitirá enlazar a través da senda peonil e ciclista os paseos de Freixeiro e Xuvia. Esta segunda intervención realizarase entre as rúas Miguel de Cervantes e Conde Fenosa e estará financiada, cun orzamento similar á primeira, con cargo aos fondos municipais.

"Confiamos en que á maior brevidade a veciñanza poderá desfrutar destas instalacións, grazas ao esforzo inversor do Concello e tamén aos fondos europeos e provinciais que permitirán facer realidade un gran proxecto medioambiental de lecer, ocio e deporte na cidade", concluiu Ferreiro.