Martes. 16.04.2024

A alcaldesa do Concello de Narón, Marián Ferreiro, e o edil de Deportes, José Oreona, reuníronse con Antonio Sueiras e Ramón Padín da Escudería Siroco Narón, para perfilar e ultimar os detalles do XXXIV Rally Cidade de Narón que se disputará os vindeiros 10 e 11 de xuño.

Xunto cos representantes da escudería, Ferreiro e Oreona visionaron todos os tramos nos que xe vai disputar esta proba deportiva, na que colabora tamén a Federación Española de Automobilismo, e que son Narón, San Sadurniño, Moeche, Cerdido e As Somozas. A proba será puntuable para a Copa de España de Rallys de Asfalto, para a Copa Clio Renault e para a Copa Kumho Tires. 

A competición iniciarase o xoves 9 de xuño coas verificacións técnicas e administrativas. O venres os pilotos disputarán os primeiros dous tramos, a dobre pasada, e que se iniciarán ás 17 horas. A previsión é que rematen a xornada contra as 21:30 horas. O sábado os pilotos afrontarán tres tramos, tamén a dobre pasada, que rematarán según as previsións, arredor das 15.30 horas, para proceder á entrega de trofeos e premios ás 18 horas. A zona de estacionamento de caminóns do polígono de Río do Pozo habilitarase como Parque de Asistencia, mentres que o Parque Pechado situarase no exterior de Odeón, na rúa Cataluña.

A alcaldesa destacou trala reunión o "gran esforzo que realiza cada ano a Escudería Siroco Narón para organizar este rally que xa é un referente nas citas deportivas da cidade e que este ano terá un novo formato que reunirá aos mellores pilotos do mundo na cidade sendo un gran reclamo para atraer á xenmte a Narón". Pola súa banda, os representantes da escudería organizadora agradeceron unha vez máis a colaboración do Concello nesta clásica cita do motor, e referente dos Rallys a nivel nacional.