Mércores. 24.04.2024

Dous anos despois, máis de 400 atletas nas diferentes categorías (De peques a Másters +50) tomaron a saída na clásica familiar Carreira Popular Concello de San Sadurniño, e que se disputou baixo o lema Correo polo Medio Ambiente, para chamar a atención e dar visibilidade aos problemas que sofre o río Xuvia. 

Rebeca Soto, en Máster 40, e o sénior Jonathan Fernández venceron nesta sétima edición da proba, que regresaba ao calendario despois de dous anos de parón pola Covid, e que volvía con novidades, principalmente cun novo trazado ao seu paso pola zona de Cornide e a inclusión de desniveis. Un dos aspectos que ao remate da carreira destacaron moitos dos seus participantes. 

O podio da Carreira Popular Concello de San Sadurniño
O podio da Carreira Popular Concello de San Sadurniño

Soto (Pasa ou entorna) rematou o percorrido parando o cronómetro en 21:39 minutos impoñéndose na categoría absoluta feminina, mentres que Fernández (Atetismo Narón) fixo o propio cun tempo de 19:09 minutos, unha boa marca se se ten en conta que o mellor tempo de hai tres anos e co anterior trazado, completamente chairo, foi de Amador Pena con 15 minutos e 51 segundos.

O alcalde de San Sadurniño, Secundino García, que tamén participou na proba, comentou sobre as novidades do trazado que se pensou na modificación "como un aliciente máis para o regreso da carreira despois do parón", e engadiu que "a maioría das persoas inscritas eran habituas no 2019 e pensamos que era o momento de subirlles un pouco o nivel, e case todo o mundo díxonos que fora un acerto".

Aínda que o lema habitual da proba é Corre pola Igualdade, este ano, con motivo da celebración da carreira no Día Internacional do Medio Ambiente, o Concello decidiu mudalo por Corre polo Medio Ambiente, para denunciar e dar visibilidade aos problemas e agresións que sofre o río Xuvia e a súa contorna nestes últimos tempos. A Carreira de San Sadurniño é ademáis unha cita familiar xa que a proba está pensada para todas as idades, e este ano, segundo informa o Concello, sorprendeu a alta participación nas categorías de nenos e nenas máis pequenos xa que tiveron que facer grupos para que non se tropezasen uns cos outros.