Xoves. 25.04.2024

O Concello de San Sadurniño recupera a súa carreira popular, clásica do deporte afeccionado da comarca, o vindeiro 5 de xullo, despois de dous anos sen celebrarse debido á pandemia da covid-19. A saída da primeira proba darase ás 11.00 horas, mentres que a proba absoluta, de 5 quilómetros de distancia, farao ás 11.30 horas nun trazado que presenta como principal novidade o seu paso pola zona de Cornide.

Outra das novidades desta séptima edición é o lema da proba Corre polo Medio Ambiente, para chamar a atención e dar visibilidade aos problemas que vén sufrindo nos últimos tempos o río Xuvia e o seu entorno. Por razóns de seguridade e loxística nas para a proba de 5 quilómetros, nas categorías absoluta, Sub16, Sub18, sénior e os máster M40 e M50, haberá un límite de 500 participantes, mentres que para o resto de categorías (Sub14, Sub12, Sub10 e peques) non haberá límite de inscricións.

As categorías inferiores correrán de balde e completarán un circuíto con diferentes distancias sen saír da zona do arboreto de conservación de especies autóctonas no paseo fluvial. O resto de categorías, que completarán unha distancia de 5 quilómetros, terán que abonar 5 euros e como novidade no seu percorrido, os participantes no canto de dar dúas voltas na zona da Bidueda, nesta edición farase unha roda máis ampla pola estrada da Ferreira, xirando cara á fábrica de taboleiros e cruzando Cornide antes de regresar á meta no paseo fluvial.

A Carreira Popular de San Sadurniño é unha das citas clásicas do deporte afeccionado da comarca, e iniciouse hai nove anos coa colaboración do CPI San Sadurniño e o Concello que este ano figura como único organizador, conta coa asistencia técnica da Federación Galega de Atletismo.