Martes. 19.03.2024

O PSOE de Val do Dubra lamenta “a falta de iniciativa do goberno local co Campo de Fútbol de Portomouro, unha instalación que contou cun importante investimento provincial pero que a día de hoxe mostra un profundo deterioro”.

Explican que “no ano 2016, a Deputación da Coruña realizou un investimento de 76.000 euros para a instalación, con cargo a un plan provincial. Porén, o estado actual do campo de fútbol mostra un profundo abandono das instalacións, impedindo a súa utilización polos clubs ou para outro tipo de actividades”.

O grupo socialista dubrés preguntou no Pleno municipal polos futuros proxectos previstos para esta infraestrutura. Apuntan que “a resposta foi o silencio, xa que, segundo afirmou o goberno local, este asunto ten pouca solución”.

Os socialistas esixen que o Goberno local “non dea as costas a estas instalacións, nas que se investiu unha importante cantidade de cartos públicos no ano 2016”. Os socialistas agardan que “poida atopar, xunto cos veciños e veciñas unha saída para o Campo de Fútbol de Portomouro”.

O voceiro do PSOE, Diego Luis Díaz Méndez, lamentou “a tristura ao ver o estado de abandono no que se atopan algunhas das instalacións coas que xa contamos, mentres o Goberno local se empeña en falar de novos proxectos que a día de hoxe non son máis que palabras ao aire”.