Mércores. 24.04.2024

A sétima edición da Carreira Popular Concello de Moeche volve ao calendario o vindeiro 18 xuño, despois de dous anos de parón pola pandemia. A proba terá a saída e chegada dos atletas no recinto feiral de San Ramón, nunha cita que é máis unha "festa do deporte" que unha competición, según indican desde o Concello. Unha carreira popular que está deseñada para todas as idades, con distancias entre 75 metros para os máis cativos, e os 6,7 quilómetros da proba absoluta.

A festa do deporte de Moeche comezará ás 19.00 horas coa saída da categoría Pitufos (nados no 2017, 2018 ou 2019) que completarán os 75 metros nun percorrido que transcurre paralelo á Nave do Mercado, onde a organización situará a saída e chegada de todas as probas. Dez minutos despois será a quenda dos Prebenxamíns (200 metros) e logo os Benxamíns ás 19.20 horas (500 metros). Os atletas de categoría Alevín, Infantil e Cadete saíran de xeito conxunto, máis os dous primeiros completarán unha distancia dun quilómetros e os Cadetes de 2.000 metros.

Os corredores da categoría Absoluta e os Veteráns iniciarán o seu percorrido de 6.700 metros contra as 20.00 horas, nun circuíto pola capital municipal e polas pistas da contorna, nun trazado case asfaltado na súa totalidade, pero que conta con tramos de herba e terra.

O xoves 16 de xuño remata o prazo de inscripción. Os interesados poden facelo a través da páxina web www.galitiming.com, na que os interesados tamén poderán facer o pagamento dos 5€ da inscripción só para as persoas maiores de 18 anos. O límite de participación é de 350 deportistas. 

Desde o Concello explican que a carreira popular "ten a finalidade de promocionar o deporte, a actividade física e un estilo de vida saúdable" e que non conta con premios en metálico, pero si con trofeos e queixo de Moeche para os primeiros atletas que crucen a liña de meta en cada categoría.