O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado polo alcalde de Tordoia, Eduardo Antonio Pereiro, visitou o polígono industrial do concello para anunciar un investimento de máis de 88.000 euros para cofinanciar o acondicionamento da saída de pluviais do sector de solo urbanizable industrial S-03 e S-04. A actuación consiste na instalación dunha tubaxe de pluviais cos seus correspondentes pozos de rexistro.
O representante do Goberno autonómico destacou que “este tipo de actuacións enmárcanse na aposta da Xunta por impulsar a actividade industrial e mellorar a competitividade dos parques empresariais grazas á mellora das súas infraestruturas e ao impulso da creación de novas empresas que permiten xerar emprego”. Con esta liña, da que se poden conceder anticipos de ata o 25%, preténdese favorecer unha actualización permanente dos parques industriais da Comunidade para dar resposta ás necesidades de infraestruturas, comunicacións ou de adecuación ás novas exixencias.
Para a concesión das axudas aos polígonos, entre outras cuestións, valórase que os solicitantes sexan Concellos Emprendedores, pero tamén se ten en conta a superficie do parque empresarial, o nivel de ocupación ou a poboación do municipio.
Estas iniciativas contribúen a garantir a seguridade e a calidade do servizo, atendendo así as demandas das empresas afincadas nos polígonos industriais de Galicia.